Close

Aínda sen conta?Rexístrate nun momento.

lock and key

Entra na túa conta.

Account Login

A Fundación Diversia aposta polos dereitos e a calidade de vida na comarca da Barbanza

O pasado día 9 de agosto, o auditorio do Instituto Social da Mariña en Ribeira acolleu a unhas setenta persoas participantes na xornada de estudo e divulgación sobre dereitos, calidade de vida e protección xurídica das persoas con diversidade funcional organizada pola fundación Diversia en colaboración coa asociación AMBAR e a fundación Aequitas. Membros de asociacións de persoas con discapacidade, familiares, profesionais de centros asistenciais e servizos sociais, notarios, avogados e particulares interesáronse por coñecer o impacto da Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con diversidade funcional no dereito español e as fórmulas que recolle a lexislación vixente para a promoción da inclusión na comunidade e a protección das persoas con discapacidade. Os expertos abordaron os mecanismos de promoción da autonomía e de protección de persoas con discapacidade desde o modelo de dereitos humanos.

O acto foi inaugurado polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, que dirixiu unhas palabras aos asistentes acompañado pola presidenta da fundación Diversia, Milagros Rey. Os relatores situaron as súas intervencións no marco da Convención de Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con discapacidade, do 19 de decembro de 2006 e en vigor en España desde 2008, para explicar o cambio de modelo, as oportunidades que significa e enumerar a continuación os instrumentos legais de apoio con que contan estas persoas.

Na sesión da mañá, José Antonio Nóvoa, membro do Instituto Diversidade e Inclusión, fixo fincapé no cambio de mentalidade que supón a Convención ao propor un cambio de paciente a cidadán para as persoas con diversidade funcional. Eva Regueiro, Fiscal da Fiscalía Provincial de Ourense, na sección de persoas con discapacidade desde o ano 2006, deu conta de realidade actual dos procesos de representación e os sistemas de apoio e capacidade xurídica. O relator Gonzalo Freire, Notario de Betanzos e membro da fundación Aequitas, foi debullando as distintas figuras existentes para a salvagarda das persoas con discapacidade. Laura Fernández, técnica da fundación Down do País Vasco, ofreceu unha lección maxistral en relación ás fórmulas de vida independente orientadas ás persoas con diversidade intelectual.

Durante a tarde, mediante unha mesa formada polos catro relatores expertos xunto coa Secretaria de Diversia, Rosana Olveira, estableceuse un coloquio no que se deu respostas a numerosos casos prácticos expostos polos asistentes.

Ao finalizar o acto, membros do padroado de Diversia fixeron entrega aos relatores de varias obras pictóricas elaboradas por artistas con discapacidade intelectual vinculados ao taller de artesplásticas da Asociación AMBAR.