Close

Aínda sen conta?Rexístrate nun momento.

lock and key

Entra na túa conta.

Account Login

Historia de AMBAR

AMBAR foi fundada en setembro do ano 1982 para defender os intereses das persoas con discapacidade da Comarca da Barbanza, co fin de acadar servizos axeitados para as persoas con discapacidade e facer valer os seus dereitos e a súa inclusión na sociedade.

O labor dunhas poucas persoas como Ouviña Castillo, Maximino Rodríguez e José Cabezas, xunto con outras persoas boas e solidarias, foi o impulso pioneiro que dou lugar á entidade que hoxe coñecemos, e que xa é un patrimonio do cal a comunidade de toda a Barbanza debe mostrar orgullo.

Nun primeiro momento, o domicilio da entidade estivo fixada no quiosco de Castillo, na alameda de Pobra do Caramiñal, e as reunións de traballo facíanse no taller de Maximino, en Palmeira. Coa construción do Centro Sociocomunitario da Pobra, AMBAR puido trasladar a súa sede social a unha oficina cedida nestas dependencias, e que a día de hoxe continúa mantendo actividade de atención aos socios e público xeral.

Nos seus inicios, AMBAR encontrouse sen información, cunha poboación moi dispersa, sobre todo no ámbito rural, cunhas precarias ou inexistentes vías de comunicación, cuns medios exiguos e unha labor enorme por realizar. Os servizos sociais que hoxe coñecemos non existían, como tampouco existían recursos para as persoas con diversidade funcional puideran mellorar as súas condicións de vida. Para solventar estes problemas leváronse a cabo campañas de concienciación denominadas de Penetración Rural, co obxectivo de dar a coñecer a Asociación, sobre todo no ámbito rural, informar dos dereitos e prestacións que daquela se estaban a poñer en marcha, e crear un ficheiro de socios co fin de elaborar un censo da poboación con diversidade na comarca, permitindo así xerar conciencia de colectivo, chegar ás persoas e informalas máis eficazmente.

A parte desta labor informativa AMBAR tamén impulsou outras accións como a expedición de tarxetas de circulación para persoas con mobilidade reducida, actividades formativas, culturais e de ocio, así como campañas reivindicativas co fin de solventar problemas do colectivo, como as campañas de eliminación de barreiras, ou para a visibilización das persoas con diversidade, como a celebración das millas urbanas, varias das cales se celebraron nas rúas de Pobra.

Hai que recordar que os retos que AMBAR afrontou, dende os inicios, foron determinados por factores vinculados á mentalidade e os prexuízos e polo factor económico. O máis complexo de abordar é o do cambio cara a unha mentalidade e actitudes positiva sobre as persoas con diversidade, unha labor que non cesa, e coa economía sempre houbo que faenar con moita imaxinación e esforzo: por exemplo, a compra dunha parcela do polígono de Xarás fíxose a base da venda de rifas, de feiras a mercados, por toda a comarca. E a resposta popular sempre foi alentadora. De feito, hai que sinalar e recoñecer a formidable labor realizada polos voluntarios e voluntarias que sempre estiveron a carón de AMBAR.

Sendo conscientes da necesidade de buscar alternativas ao illamento das persoas con diversidade funcional intelectual e facilitarlles posibilidades laborais, no ano 1988 promóvese o proxecto de Centro de Formación Ocupacional que se situaría no Polígono de Xarás, e que foi posto en funcionamento o 27 de xullo de 1993, sendo Manuel Parada Rego presidente da asociación.

Vendo as dificultades de desprazamento que presentaban as persoas que acudían as actividades e talleres impartidos no Centro de Formación Ocupacional de Xarás, debido a grande dispersión xeográfica, AMBAR veuse na obriga de poñer en funcionamento un servizo de transporte adaptado, o cal contou co apoio de Fundación ONCE e outras empresas privadas que axudaron ao seu funcionamento.

En 1997 faleceu Manuel Parada, o que supuxo que a vicepresidenta por aquel entón, Milagros Rey, se fixese cargo da Presidencia. Dende aquela, AMBAR mantén unha liña de traballo orientada á provisión de servizos e a inclusión das persoas con diversidade funcional de calquera natureza, para que podan vivir dentro da comunidade coa mellor calidade de vida.

No ano 2006, cambiou a súa razón social eliminando o expresión negativa “minusválidos” e asumindo a de “Persoas con Diversidade Funcional, como xesto para desterrar o prexuízo e a negatividade, e co fin de empoderar as persoas con discapacidade para que a sociedade tome conciencia da realidade da diversidade como algo consubstancial á natureza humana: persoas iguais, con dereitos e obrigas, cidadáns que dirixan o destino das súas vidas.

Un sosegado o e constante desenvolvemento dos principios fundacionais e un progresivo crecemento da actividade da entidade, correu parello a unha profesionalización da acción social de AMBAR. Pouco a pouco, de forma natural e respondendo ás necesidades da comunidade fóronse entretecendo servizos e alianzas: Planificación estratéxica, Convenios coa Xunta, Ministerio, ONCE e concellos, posta en marcha do Centro de Recursos da Barbanza, servizo do Centro Día, creación do Centro Especial de Emprego, Certificacións de Calidade, Formación e certificación da profesionalidade, etc.

Na actualidade, AMBAR apoia e presta servizos a Persoas con Diversidade Funcional e ás súas familias da comarca, e tamén de outros concellos próximos, colaborando coas entidades publicas e privadas que participan na intermediación da Persoas con Diversidade Funcional e a súa participación económica e social.

A constitución de AMBAR e a paciente labor realizada contribuíu á difusión das problemáticas e á unión das Persoas con Diversidade Funcional e das familias concernidas, xerando a capacidade de pór en marcha iniciativas reivindicativas conxuntas e novos servizos comunitarios.

A nosa entidade está integrada nas organizacións do movemento asociativo de diversidade funcional de ámbito provincial e autonómico, formando parte activa da Federación Provincial de persoas con discapacidade e da Confederación Galega (COGAMI), constituíndo xunto con outras entidades unha rede de ámbito autonómico que ofrece servizos a cerca de 160.000 persoas con diversidade funcional.

AMBAR promoveu un recurso modélico de referencia en Galicia, o Centro de Recursos da Barbanza, onde se aglutinan distintos servizos como a Oficina de OIGO (oficina para a igualdade de oportunidades das persoas con diversidade funcional) e o centro de Formación Ocupacional e de Día,que pretende cubrir as necesidades básicas dun importante número de persoas con diversidade funcional intelectual e física.

A asociación foi co-promotora xunto coa COGAMI do centro especial de Emprego COREGAL, SL, na comarca do Barbanza, dedicado ó reciclaxe de papel e cartón. No 2009 AMBAR tamén constituíu o Centro Especial de Emprego “AMBAR Acción Social” que da traballo a 5 persoas con discapacidade, e que ten como obxecto preferente a realización de actividades de axuste de persoal e social, actividades de formación, rehabilitación e inserción laboral en actividades de tipo manipulativas e asistenciais.

Actualmente, AMBAR celebra trinta anos de funcionamento e servizo á comunidade, coa esperanza de acadar as xustas metas de igualdade de dereitos e calidade de vida para as persoas con diversidade funcional da Barbanza.