AMBAR propón a os concellos da Barbanza a inversión en accesibilidade
|
Cos fondos extraordinarios aprobados polo Goberno poderán mellorar a participación social
O pasado 28 de novembro foi aprobado o REAL DECRETO-LEI 9/2008 que ten por obxecto a dotación de dous fondos extraordinarios: un, destinado a promover a realización por parte dos concellos de investimentos creadores de emprego e outro, coa finalidade de levar a cabo actuacións encamiñadas a mellorar a situación de determinados sectores económicos estratéxicos e acometer proxectos con alto impacto na creación de emprego. Poden beneficiarse desta partida orzamentaria concellos, mancomunidades e agrupacións de dúas ou máis concellos.
Partindo desta noticia, a Asociación AMBAR, solicitou a todas as corporacións locais da comarca da Barbanza que destinen parte destes fondos extraordinarios á accesibilidade, á eliminación de barreiras arquitectónicas e á dotación de medios que posibiliten a igualdade de oportunidades das persoas con diversidade funcional. Ademais, recorda que todas as intervencións urbanísticas deben, por lei, contemplar a accesibilidade, polo que hai que extremar o celo para non realizar obras que por non reunir as medidas de accesibilidade deban de repetirse ou modificarse.
A accesibilidade universal é unha condición fundamental para poder garantir a participación na comunidade das persoas con diversidade funcional, tal e como expón a Convención da ONU acerca dos Dereitos das Persoas con Discapacidade, no seu artigo 9: “a fin de que as persoas con discapacidade poidan vivir en forma independente e participar plenamente en todos os aspectos da vida”.
Sendo o 2009 un ano electoral e dado que máis do 70 por cento dos colexios electorais non cumpren as normativas de accesibilidade, AMBAR considera que debe prantexarse en todos os municipios a intervención en edificios dependentes da administración local para facelos accesibles.
Por esta razón e tendo en conta que un dos destinos dos fondos, previstos no propio Real Decreto-Lei (Art. 3, 1, a), 5), é a supresión de barreiras arquitectónicas, recomendamos aos concellos que utilicen estes fondos para garantir a mobilidade e a visibilización das persoas con diversidade funcional como cidadáns de pleno dereito, posibilitando que todas as contornas públicas carezan de barreiras arquitectónicas e avanzando cara ao cumprimento da Convención, en vigor desde o pasado mes de maio. |