Asociación AMBAR das Persoas con Diversidade Funcional Inicio | Accesibilidade | Privacidade | Contacto | Área Privada

Entorno Ambar

 

O Entorno de AMBAR

O número de PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL de diversas naturezas residentes na comarca de Barbanza que son socios de AMBAR ascende a 1.165 persoas.

 

Segundo datos extraídos do censo de PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL de Galicia, da Dirección Xeral de Servicios Sociais, na provincia de A Coruña existen 57.308 persoas con algún tipo de diversidade funcional, das cales máis do 80%, por razóns ligadas á falta ou á perda de capacidade física, psíquica ou intelectual ten necesidade dunha asistencia e/ou axuda importante para a realización das actividades da vida diaria (segundo definición do Consello de Europa, son consideradas dependentes).

 

O colectivo de PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL da comarca carece dos recursos necesarios para a participación plena na comunidade, tendo serias desvantaxes para a vida activa e o emprego. No censo da Asociación AMBAR constan persoas con valoracións de grao de minusvalideces considerables como en situación de dependencia, referente a diversidade funcional de diversa índole, para as cales os actuais itinerarios de inserción normalizada demostráronse inasequibles ou inviables para conseguir a súa integración na actual disposición dos recursos nesta comunidade comarcal, que non están deseñados para a participación de PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL.

 

As persoas con grande déficit de autonomía persoal carecen de suficientes fórmulas de apoio para o desenvolvemento das actividades básicas da vida diaria ou de calquera actividade social. Os servicios públicos neste eido semellan inexistentes ou con deseños inadecuados, deixando a responsabilidade nos medios baseados en apoios informais. Por exemplo, un programa público recente propuña un atenúante, a través do alivio das situacións de illamento aportando recursos para o transporte adaptado, algo que a experiencia indica que debería ser abordado dende unha perspectiva de sostibilidade e espacialidade comarcal e como un servicio transicional, simultáneo á intervención en accesibilidade universal e usabilidade inclusiva no sector.

 

O maior impedimento para a integración e a participación das PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL segue advertíndose nun entorno material e social inaccesible, incluso resistente e discapacitante, para a maioría destas persoas, que ven determinado principalmente polas seguintes carencias:

 

- A gran maioría das dependencias oficiais de servicios cidadáns máis básicos perseveran nunha alarmante inaccesibilidade, igual que os servicios en establecementos públicos de iniciativa privada. Existen edificios públicos de recente construcción que non dispoñen de aseos adaptados, nin simplemente practicables; a Demarcación de Costas do Estado está a dotar unicamente os novos paseos marítimos con este equipamento, polo demais son casos illados e raros.

- As vías públicas e os medios de transporte seguen a ser, en xeral, inaccesibles; non se administran e aplican as regulacións autonómicas sobre accesibilidade con efectividade e rigor, excepto actuacións puntuais (tan só o Concello de Rianxo está a poñer en marcha medidas de planeamento municipal mediante un Plan Integral de Accesibilidade).

- Na actual expansión inmobiliaria, as vivendas adaptadas ou adaptables son practicamente inexistentes escasas ou excesivamente custosas (estase a construír de costas á realidade demográfica e social), non se dispoñen ou non se empregan instrumentos administrativos de ordenación no ámbito local propios deste eido para mellorar a situación.

- As políticas locais e dispositivos de servicios sociais prestan una asistencia que se manifesta insuficientemente adaptada ó propósito de promover a participación na vida comunitaria, non son os apropiados para favorecer a vida activa. As persoas que poden acceder aos recursos quéixanse da dependencia do seu plan de vida diaria en función das incidencias laborais e outras circunstancias do servicio público.

- Os servicios de axuda a domicilio son insuficientes e incompletos (só prestan asistencia de luns a venres e exclusivamente dentro da vivenda, no caso de que os haxa, e cando o demandante do servicio sexa elixible ou poida costealo). É preciso acceder a fórmulas de apoios directos e autoxestionados, ao modo da Asistencia Persoal e das solucións habitacionais de escala humana.

- Carécese dun enfoque de transversalidade nas políticas locais sobre os asuntos que atañen ás PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL.

 

Neste complicado contexto, AMBAR procura apoiar en diversos aspectos ás PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL procurando actividades e recursos para a mellora das condicións de vida, dende as limitacións dadas polo entorno xeográfico, social e material, conxugando os apoios recibidos desde os diversos colaboradores particulares e públicos.

 

No eido material, tocando o financiamento dos programas e servicios prestados, hai que sinalar o incremento da demanda dos mesmos e tamén da resposta materializada en número de intervencións efectuadas, que se reflexa nas partidas de gastos afrontadas pola entidade. A estes custes hai que sumar o aumento xeral dos prezos e, con particular notabilidade, daqueles productos directamente derivados do petróleo, que contribúen a un escenario financeiro no que AMBAR se ten que desenvolver con escasos recursos.

 

Así mesmo, constatamos a gran dificultade que ven supoñendo a elaboración e desenvolvemento de orzamentos anuais realistas e funcionais, que teñen que se nutrir maiormente de financiamento de orixe pública, debido á incerteza que envolve un proceso de subvención determinado pola necesidade, polo prazo inmediato e pola indeterminación dos resultados das convocatorias de axudas, que afecta na efectividade i eficacia dos servicios a prestar e na satisfacción das demandas das PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL.