Close

Aínda sen conta?Rexístrate nun momento.

lock and key

Entra na túa conta.

Account Login

Unha gran noite de apoios solidarios e ánimo festivo

Os barbanzáns mostraron a súa cara máis solidaria apoiando a labor de AMBAR. Preto de trescentas persoas asistiron ao Festival Solidarios, promovido pola entidade no auditorio municipal de Ribeira. Durante máis de dúas horas, os artistas conducidos por un xenial Quico Cadaval, subiron ao escenario para animar unha velada inesquecible. Os mozos do grupo de teatro de AMBAR abriron o espectáculo “facendo aparecer” a Quico, quen deu paso ás actuacións da agrupación folclórica Vai de Roda, Sonia Levedynski e Gabriel Vidal coa súa guitarra, Roi Casal acompañado da voz de Silvia Ferre; o grupo municipal de teatro de Ribeira, Xosema Esperante e Teté García, e Tonhito de Poi e Ana de Poi, pechando o cartel con música, bo humor e tenrura. Pero Cadaval aínda quixo despedir o festival cunha homenaxe solidaria facendo subir ao escenario aos artistas, quen aplaudiron ao público mentres a charanga de Vai de Roda musicaba a quen ían deixando a sala.

Intervencións da “xente de AMBAR”

En distintos momentos do espectáculo, Cadaval deu voz a tres persoas vinculadas a AMBAR para que expresasen o seu sentir dende distintas perspectivas: Silvia Rodrigues, voluntaria colaboradora da entidade; Luisa Crujeiras, socia e usuaria dos servizos de AMBAR; e Milagros Rey, Presidenta da asociación, quen agradeceu o empeño das persoas que durante tres décadas fixeron posible a labor de AMBAR.

3000 euros para actividades de inclusión

A recadación do Festival Solidarios ascendeu a 3000 euros, derivados das vendas do caderno que levaba a invitación ao evento e das achegas á fila cero aberta para este fin. Dende AMBAR desexamos expresar unha inmensa gratitude a quen fixeron posible que este evento fose unha gran demostración de solidariedade e un gran espectáculo: a todos os artistas, intérpretes e grupos xa mencionados, quen fixeron gozar da súa arte e talento a un público entregado, ao equipo técnico de Bandín Audio, quen se empregaron a fondo cun excelente soporte fundamental para lograr a calidade da función e a outros colaboradores que preferiron quedar no anonimato. Agradecemos, tamén, o apoio á difusión dos medios de comunicación da comarca e a resposta do público. Este diñeiro destinarase aos programas de atención directa ás persoas con diversidade funcional que acoden a AMBAR.