Asociación AMBAR das Persoas con Diversidade Funcional Inicio | Accesibilidade | Privacidade | Contacto | Área Privada

loitando contra as barreras

 

Guía para o Asistente Persoal

AMBAR PON EN MARCHA O PROGRAMA DE AUTONOMÍA PERSOAL NO FOGAR


 

Aberto o prazo para a solicitude de axudas individuais destinadas á promoción da autonomía persoal e a accesibilidade.

DESTINATARIOS DAS AXUDAS:

 1. Persoas que teñan recoñecida a situación de dependencia nos seguintes graos e niveis:

-Grao III, niveis 1 e 2.

-Grao II, niveis 1 e 2.

 Poderán optar a solicitar as axudas reguladas nesta convocatoria as persoas que teñan solicitado o recoñecemento da súa situación de dependencia con anterioridade á data de publicación desta convocatoria. Quedando a percepción da axuda condicionada a que lles sexa recoñecida a situación de dependencia en calquera dos graos e niveis anteriores.

 2. Ademais os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que a axuda solicitada derive do grao e nivel de dependencia recoñecido.

c) Que a renda per cápita da unidade familiar da que forma parte o solicitante non supere o 125% do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM) establecido para o ano 2011, incluíndo as pagas extraordinarias. Cando a unidade familiar estea formada por dous membros ese límite elevarase ata o 150% do IPREM e cando estea constituída por un só membro ata o 175% do IPREM.

No caso dos solicitantes de axuda destinada ás actuacións subvencionables previstas no artigo 3º.B, estas porcentaxes reduciranse ao 100%, 125% e 150% respectivamente.

d) Non ter percibido nos dous últimos anos axudas para o mesmo fin, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

- Que a adaptación ou axuda técnica solicitada sexa complementaria da anteriormente concedida.

Que a adaptación ou axuda técnica solicitada sexa distinta das anteriormente concedidas e se deba a un agravamento da súa situación.

e) No caso de ter percibido axuda para distinto fin na convocatoria do ano anterior referida a esta mesma orde, deberá terse xustificado en tempo e forma.

f) Os establecidos con carácter xeral para obter a condición de beneficiario de subvencións no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

 3. No momento de ditarse a resolución da axuda debe persistir a súa necesidade.

 

ACCIÓNS SUBVENCIONABLES

 A) Adaptación funcional do fogar e supresión de barreiras arquitectónicas e de comunicación no interior da vivenda: considéranse actuacións subvencionables aquelas accións destinadas a facilitar o acceso, a mobilidade, a comunicación e a realización das actividades básicas da vida diaria, tanto en vivendas unifamiliares como nas de propiedade horizontal, no interior do fogar.

No caso de que o obxecto da axuda sexa a eliminación de barreiras, será requisito que o gasto das obras non corresponda á comunidade de propietarios.

 Contía máxima subvencionable:

o       Adaptación funcional do fogar: 3.000 euros.

o       Eliminación de barreiras arquitectónicas e de comunicación no interior da vivenda: 3.000 euros.

 B) Adquisición de próteses dentais e audífonos, non previstos no sistema sanitario:

Solicitantes con alteracións na función e/ou na estrutura corporal que precisen dalgún destes dispositivos para compensar o déficit existente. Non poderán optar ás axudas para audífonos os menores de 16 anos.

Contía máxima subvencionable:

o       - Próteses dentais: 500 euros.

o       - Audífonos, non previstos no sistema sanitario: 800 euros.

 C) Adquisición de axudas técnicas ou produtos de apoio:

Deberán ser susceptibles de ser incluídas nalgún dos puntos da seguinte clasificación:

1. Para o aseo e hixiene persoal.

2. Para a alimentación.

3. Para a mobilidade, posicionamento e protección persoal.

4. Para a comunicación.

5. Para o acceso ás tecnoloxías da información e comunicación (TIC).

6. Para persoas con discapacidade auditiva ou para persoas con discapacidade visual.

Terán prioridade as solicitudes de subvención daquelas axudas técnicas/produtos de apoio que figuran no anexo I desta orde.

Só serán subvencionables aquelas axudas técnicas ou produtos de apoio que non sexan cubertas polo catálogo de prestacións ortoprotésicas do Servizo Galego de Saúde, ou calquera outra Administración pública ou entidade privada, debendo presentar documentación acreditativa da denegación desta axuda.

Contía máxima subvencionable: 2.500 euros.

PRAZO DE SOLICITUDE

 O prazo para a súa presentación remata o 28 de abril de 2011.


 

AMBAR PON EN MARCHA O PROGRAMA DE AUTONOMÍA PERSOAL NO FOGAR


 

3 DE DECEMBRO. DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL

A Asociación AMBAR das Persoas con Diversidade Funcional, con motivo da celebración o 3 de DECEMBRO, do DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL, fai público este MANIFESTO, presentando ante a Sociedade a percepción do colect...ivo sobre a equiparación de oportunidades das persoas con diversidade funcional na comarca de Barbanza e as demandas dos seus representados.

 MANIFESTO:

 AMBAR con motivo do tres de decembro DIA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE, neste ano 2010, observamos que ademais das vellas cuestións sen resolver que dificultan o desenvolvemento da vida autónoma das persoas con diversidade funcional, e ante a crise global, é necesario sinalar que existen marcos normativos globais que esixen realizar políticas inclusivas para dar solucións aos vellos problemas, e que actuar positivamente pola inclusión e pola diversidade permitirá maior igualdade de oportunidades relanzando o desenvolvemento social e a reactivación económica, e esto é algo que podemos e debemos comezar a facer agora na nosa comunidade local garantindo que todos poidamos vivir como cidadáns de pleno dereito, e MANIFESTA:

 1.- A PESAR da vixencia da CONVENCIÓN SOBRE OS DEREITOS DAS PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL, constatamos nos trinta meses de vixencia da mesma, o descoñecemento deste marco legal e os seus efectos para o colectivo de persoas con diversidade funcional. Reivindicamos a creación de órganos locais nos que teñan voz e capacidade de decidir o colectivo ao que representamos.

 2.- A PESAR da existencia de lexislación en materia de promoción da accesibilidade atopamos que os nosos pobos e aldeas presentan contornas inaccesibles en canto a edificación e mobiliario urbano. Esiximos que as persoas con diversidade funcional poidan facer uso de todos os bens e servizos da comunidade en igualdade de oportunidades.

 3.- A PESAR da existencia desta mesma lexislación e da específica en materia de transporte, hoxe en día denunciamos a imposibilidade de utilizar transporte público Interurbano. Esiximos que as administracións públicas competentes nesta materia promovan estes servizos e adxudiquen exclusivamente a aquelas empresas que cumpran cos requisitos de accesibilidade.

 4.- A PESAR da existencia de lexislación en materia de INCORPORACIÓN DE PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL O MERCADO LABORAL ORDINARIO, atopamos que se segue asociando a imaxe do traballador ou traballadora con diversidade funcional ao emprego protexido exclusivamente, polo que esiximos unha adecuada coordinación entre os axentes políticos, empresariais, sindicais e educativos para garantir o acceso ao emprego normalizado. Expoñemos ás administracións locais que exemplifiquen a inclusión laboral mediante a incorporación visible e notable de persoas con diversidade funcional nas súas plantillas de persoal.

 5.- A PESAR da traxectoria histórica do movemento asociativo e do marco legal conseguido, á nosa comunidade quedalle aínda un longo camiño por percorrer en canto á plena participación, equiparación de oportunidades e cidadanía plena das persoas con diversidade funcional. Consideramos que a forma de avanzar neste ámbito é o auténtico compromiso das administracións públicas para facer cumprir A CONVENCIÓN. Esiximos ás administracións públicas que adopten a Convención e apliquen os recursos necesarios para o seu coñecemento e desenvolvemento.

 6.- A PESAR de que a natureza das persoas é vivir en sociedade, aínda son moitas as persoas que cando dependen doutras para conducir as súas vidas, para moverse ou levar a cabo as súas actividades, son confinadas en residencias inadecuadas, segregándoas en instalacións onde se lles rouba o control sobre as súas propias vidas e se apartan da visión da sociedade corrente e da participación. Esiximos que a nosa xente teña a oportunidade de elixir o seu lugar de residencia e onde e con quen vivir, en igualdade de condicións coas demais, e non se vexan obrigadas a vivir con arranxo a un sistema de vida específico.

 7.- A PESAR de que a Convención no seu artigo 24 obriga a garantir a educación inclusiva das alumnas e alumnos con diversidade funcional, observando os principios de normalización, igualdade de oportunidades, non discriminación, accesibilidade universal, provisión de apoios, calidade e equidade que compensen as desigualdades, séguense habilitando recursos especiais para segregar persoas con diversidade funcional, perpetuando unha educación que desvalora ás persoas diferentes desde a infancia. Demandamos a adopción das medidas económicas necesarias para asegurar que ningún alumno ou alumna con diversidade funcional se vexa privado, por falta de recursos, do dereito a acceder a unha educación inclusiva de calidade.

 Por estes motivos AMBAR vai continuar o seu labor pola equiparación de oportunidades das persoas con diversidade funcional colaborando a todos os niveis na realización das políticas sociais pola inclusión, desde a transversalidade, evitando medidas segregadoras que exclúen e invisibilizan á nosa xente, tendo como eixo principal de actuación o VIVIR INCLUÍDOS NA COMUNIDADE. E facemos un chamamento á comunidade para que se sumen o labor de AMBAR facendo os nosos pobos máis inclusivos e respectuosos coa diversidade, máis humanos.


 

A edición do Cineforum NADA SOBRE NÓS SEN NÓS incide na promoción da autonomía persoal

No cineforum NADA SOBRE NÓS SEN NÓS, que tivo lugar o 13 de novembro, desde as 19.00 no Espazo Leña Verde do Concello de Boiro, colaboraron o Departamento de Cultura deste concello, o Foro de Vida Independente e Lapepa Producións. Este evento inscríbese no marco das Xornadas do Audiovisual ACCIÓN.

 

A Asociación AMBAR organizou un cineforum, que na súa primeira edición, proxectou o documental 'Voar', que recolle as historias de vida de catro persoas con diversidade funcional, co fin de incidir na importancia da asistencia persoal como ferramenta social para a cidadanía e as novas perspectivas sobre a autonomía persoal e a vida independente dentro da comunidade, entre outros aspectos.

 

Tamén se proxectou a curtametraxe 'O pantallazo', que recolle a intervención dun grupo de cidadáns manifestándose sobre “os efectos da burocracia infinita sobre as vidas das persoas”.

 

Durante a presentación, a presidenta de AMBAR, Milagres Rey, dixo que as persoas con diversidade funcional e os anciáns “poden e deben vivir incluídos dentro dos nosos pobos, para o que precisan de apoios adecuados ás súas necesidades” e explicou que o obxectivo do cineforum é explicar e reflexionar sobre os instrumentos que mellor se poden utilizar na nosa comarca para “que ninguén se vexa apartado da vida na comunidade”.

 

No evento estiveron presentes os alcaldes de Boiro e Pobra, Xosé Deira e Isaac Maceiras, o concelleiro de cultura de Boiro, Xerardo Piñeiro, e as concelleiras de asuntos sociais, Natalia Laíño e Balvina Lojo. Entre os asistentes había diversas persoas que acudiron dos distintos puntos da comarca barbancesa e de Pontevedra.

 

Tras as proxeccións tivo lugar un interesante e vivo coloquio, no que tanto autoridades como público participaron con entusiasmo, percorrendo diversos temas relacionados cos contidos da mostra, explorando desde os anecdotarios persoais ata as políticas públicas e os recursos destinados á promoción da autonomía en diversos contextos e ámbitos, accesibilidade, vivenda, transporte, etc.

 

A exitosa xornada prolongouse ata pasadas as 21.00 horas.


 

GRUPO DE TEATRO "AIRIÑOS"

O vindeiro venres día 8 de outubro ás 20:30 horas no Auditorio Municipal de Riveira representarase a obra de teatro OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE, a cargo do grupo de teatro AIRIÑOS. Esta representación está enmarcada dentro do Programa de Ocio e Tempo Libre da Asociación AMBAR, e financiada pola Rede Cultural da Deputación da Coruña.

A obra estará aberta a socios familiares e público en xeral.

              

                

 


 

AVISO IMPORTANTE. CERTAME NADA SOBRE NÓS SEN NÓS

Como cada ano, a finais de 2010 debería producirse un dos eventos máis interesantes que a Asociación AMBAR vén realizando dende 2005, a celebración do certame audiovisual "NADA SOBRE NÓS SEN NÓS".

Dende a súa primeira edición este certame gozou dunha grande aceptación do público, dos realizadores de xeografías e culturas diversas, así como das persoas que formaron parte dos xurados encargados de outorgar os premios. Na exitosa traxectoria do certame "NADA SOBRE NÓS SEN NÓS" contamos cos apoios de institucións como o Concello de Boiro, Caixanova, Xunta de Galicia,…

Neste ano, dende a organización reflexionouse sobre a posibilidade de reorientar a formulación deste evento, debido a que o contexto económico xeral non se somete á necesidade e aos desexos de difusión da temática Dereitos Humanos e Persoas con Diversidade Funcional. Por iso, en espera de reunir novos partícipes para a produción dun evento de alcance e transcendencia axeitadas, en 2010 non se efectúa a convocatoria como en anteriores edicións, aínda que se manterá unha acción substitutiva, compatible coa atención prioritaria á acción social que AMBAR desenvolve na comunidade.


Esperamos fixar un novo marco e novas condicións, e estamos a estudar a posibilidade de reprogramar o evento. Gustaríanos agradecer aos participantes, institucións, colaboradores e amigos, polo seu entusiasmo e apoio. Posteriormente esperamos celebrar o regreso de "NADA SOBRE NÓS SEN NÓS" ás súas axendas e listas de tarefas.


A pesar da suspensión do evento, AMBAR producirá na edición "NADA SOBRE NÓS SEN NÓS, 2010" certo material para a divulgación dos Dereitos Humanos das Persoas con Diversidade Funcional que esperamos poñer á luz no futuro.


En 2011 teremos ocasión de ofrecer de forma aberta un espazo para dar a coñecer traballos e experiencias artísticas e humanamente enriquecedoras.

Sentimos as molestias que se puidesen xerar e agradecemos os apoios.


 

FESTA VERÁN

O pasado xoves 29 de xullo, a Asociación  AMBAR organizou a xa tradicional festa ó aire libre, que cada ano ven realizando con motivo de fin de curso do Centro Ocupacional.

A xornada comezou pola mañá cunha excursión polos paseos peaonís de Ribeira e con unha parada para refrescarse na terraza do Bar Plaza, onde os mozos  foron convidados a un tentempé.

Coa chegada do  mediodía desprazáronse ata o merendeiro de Couso para disfrutar dunha churrascada preparada polos propios monitores e coa axuda dos usuarios, nesta ocasión contouse tamén coa presenza dun convidado de excepción, Toñito de Poi, quen tivo a oportunidade de mostrar as súas habilidade como cociñeiro afeccionado, colaborando dende o primeiro momento nas labores culinarias.

A xornada discurreu cunha amena sobremesa na que o artista de Poi animou ós presentes coa súa guitarra e a súa voz, dando  opcións para que os máis talentosos mostrasen as súas dotes artísticas.


 

VELA PARA TODOS ACADA O SEGUNDO POSTO NA II REGATA DE VELA ADAPTADA DA FUNDACIÓN MARÍA JOSÉ JOVE

Os días 18, 19 e 20 de xuño, disputouse na bahía Coruñesa a segunda Regata de Vela Adaptada da Fundación María José Jove, a única competición destas características que se celebra en Galicia. A regata, na que participaron unha vintena de regatistas procedentes de distintos puntos da comunidade galega estivo reservada a embarcacións da clase Yatlant 460, que foron aportadas pola propia institución.

A Asociación AMBAR participou neste evento co programa Vela para Todos, representado polo seu regatista máis destacado, Serafín Cadaval.

A vencedora da regata, Sonia García Erías, do equipo da Fundación María José Jove recibiu o trofeo de mans da conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Beatriz Mato. O cadro de gañadores complétano Serafín Cadaval Santos, do Programa Vela para Todos da Asociación AMBAR, que ocupou o segundo posto; Jesús Pombo Gómez, da Fundación María José Jove, que se alzou no terceiro lugar; e Manuel Brage Vila, do Real Clube Náutico da Coruña, que se fixo co cuarto lugar.

A final da competición decidiuse ó mellor de cuatro probas e foi moi disputada e igualada, pois o primeiro puesto, polo que competía o noso regatista Serafín Cadaval, non se decidiu ata a última manga para romper un triple empate de sete puntos no último pase de boia.


 

A CONSELLEIRA DE TRABALLO E BENESTAR, BEATRIZ MATO, VISITA AS INSTALACIÓNS DE AMBAR

O venres 4 de xuño AMBAR acolleu a vistita institucional da Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato Otero, quen acudeu ata as instalacións do Centro de Recursos da Barbanza, no lugar de Frións en Ribeira. A conselleira, chegou acompañada da Directora Xeral de Dependencia e Autonomía Persoal, Coro Piñeiro, do Portavoz parlamentario do Grupo popular, Manuel Ruiz, e do Alcalde de Ribeira, José Luis Torres Colomer.


Á súa chegada ás instalacións foi recibida pola presidenta da entidade, Milagros Rey e por varios membros da Xunta Directiva, así como traballadores e usuarios do centro, que agasallaron a conselleira cun ramo de flores e un exemplar da Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade, encadernado no propio taller de encadernación que funciona neste centro de recursos.


Durante o percorrido polas distintas dependencias e talleres nos que a diario traballan as persoas que acoden ó centro, tanto Milagros como os demáis membros da Xunta Directiva, transladaron á Conselleira e o resto dos seus acompañantes diversas explicacións sobre o funcionamento dos servicios que AMBAR proporciona na comunidade da Barbanza e das posibles melloras  a realizar de forma máis inmediata para favorecer a calidade de vida das persoas con diversidade funcional.

Momento no que Manuel Vilas entrega un exemplar da convención a Conselleira.

 
Durante o percorrido no exterior das instalacións.


A conselleira acompañou a un grupo de usuarias nas súas tarefas no invernadoiro


 
Seguinte >
 

Fondo Europeo de Desenvolvemento RexionalPlan AvanzaMinisterio de industria, turismo y comercioXUNTA DE GALICIA - Consellería de innovación e industria, Dirección Xeral de promoción industrial e da Sociedade da información GUÍA PARA O ASISTENTE PERSOAL